miércoles, 25 de abril de 2012

Reflexións: A vara máxica e os berros dos nenos.


Enganaron ós nosos maiores, e ós que non son tan maiores. Souberon vender a súa verdade, souberon convencer, non a moitos, pero si ós suficientes como para conseguir a maioría absoluta, e agora cada mañá, ó abrir o xornal, tirámonos dos pelos.

Enganaron ós nosos maiores dicíndolles que eles ían a subirlles as pensións, e o final tiveron que enviarlles unha carta pedíndolles perdón por subirlles os impostos.

Enganaron ós non tan mozos dicíndolles que eles tiñan a receita máxica, que lla vendera unha tal meiga Merkel e que con iso e a vara máxica de Rajoy estaba todo arranxado. Do que non se lembraban e de que aquela mesma vara era coa que Feijoo prometera acabar coa crise en Galicia en 45 días…

Nas últimas semanas, os nosos gobernantes, os que teñen o valor e a coraxe para levar o rumbo do noso barco, informáronos dun recorte de 10.000 millóns de euros mediante unha nota de prensa, o noso presidente do goberno non contestou ás preguntas dos periodistas e os evitou saíndo pola porta de atrás; comezaron a carga contra os piares, ate o de agora intocables, do Estado do Benestar, dinamitando os primeiros cartuchos de TNT que estiveron a colocar; na columna da Educación Pública, a subida das taxas universitarias de forma desmesurada, a revisión do sistema universitario español e a ameaza de eliminación daquelas carreiras que non teñan un mínimo de alumnos para que sexa máis ou menos rentable.

Pola banda da sanidade pública, despois dunha marabillosa revisión sobre os fármacos, onde primou a lóxica por enriba de todo razoamento e decidiron que era mellor pagar que dar a dose exacta de medicamento ó paciente de maneira gratuíta, evitando o despilfarro ó mesmo tempo que practicamos ecoloxía que a todos nos viría moi ben; hoxe nos atopamos con que todos aqueles maiores de 26 anos que non cotizaran quedarán fora da cobertura da Seguridade Social, vamos, lóxica aplastante de todo, cun paro xuvenil maior do 50%, colles e deixas sen cobertura sanitaria a todos aqueles que non cotizaran nunca.

Seguimos cos argumentos de lóxica aplastante, todos aqueles mozos e mozas que decidan estudar unha carreira, que adiquen o seu esforzo en construír unha sociedade mellor formada e máis preparada, se non cotiza, o seu querido goberno do Partido Popular premiaralle deixándolle sen cobertura sanitaria, e de agasallo de benvida á universidade xa sabe, a matrícula de oferta a 1200€.

Pero a min a verdade é que estas cousas non me collen moito de sorpresa, e supoño que igual que a min á maioría da xente.

O que me colle de sorpresa é, por qué non estamos xa nas rúas?

Por qué non escoito á sociedade gritando que lle están a roubar?

E que xa lograron convencernos tamén de que estamos aquí para que nos apaleen e nos rouben os nosos dereitos?

Xa asumimos que voltamos ó medievo onde non se lle pode protestar ó señor feudal?

Foron capaces de facernos crer que o que estaba a pasar en Grecia é bandalismo, no canto de loita polos dereitos roubados por homes e mulleres que só se preocupan por ter máis cartos nos petos.

Conseguiron que miremos ós mozos e mozas de Londres como hooligans que saíron a destrozar a cidade en lugar de que son estudantes que saíron a berrar que o estado lles estaba prohibindo estudar nas universidades porque serían incapaces de pagar as matrículas.

E nós? Só imos ser capaces de sentarnos na praza?

Grazas polo voso tempo, saúde e república.