miércoles, 25 de julio de 2012

Comunicación Política de Mariano and CO.


Os funcionarios son malos, porque cobran tódolos meses e non o pasan mal, por iso o Estado debe castigalos, porque levan moitos anos chupando do bote e son o verdadeiro cancro da nosa sociedade.

Xunto con eles, estudantes, enfermos e inmigrantes; poñen a puntilla para destruír a sociedade que coñecemos.

Os estudiantes non merecen nin ser chamados así porque non estudan e so se adican a saír de festa, consumir drogas, sentarse en prazas a manifestarse e pechar facultades en sinal de protesta.

Os enfermos son os máis vagos de todo o noso sistema, porque o único que buscan é encadear baixa laboral tras baixa laboral para poder cobrar do Estado sen facer nada, prexudicando aínda por riba ó pobre e desvalido empresario.

Por se isto fora pouco, centos de milleiros de estranxeiros, envexosos do poderío e a forza do noso gran país; veñen a destruílo dende dentro, boicoteando os nosos servizos públicos, roubándonos os empregos e baixando a calidade da ensinanza pública na que matriculan ós seus fillos os cales son inferiores ós nosos.

Ademais, temos demasiados políticos, que non fan nada, durmen nos seus cómodos sillóns ríndose dos contribuíntes. Temos máis concelleiros que Alemaña, coa metade da poboación e unha barbaridade de deputados autonómicos que non serven para nada.

Estas mensaxes, menos ironizadas, son as que o Partido Popular, con conta gotas vai soltando á sociedade. Mensaxes cheas de clichés e prexuízos, de tópicos irreais, de casos excepcionais que transcenden ó resto da poboación como se da máis contaxiosa das enfermidades se tratara.

A última é arriscada, porque van contra eles mesmos. Agora resulta que hai moitos políticos, sobran os políticos. Non vos quedades desconcertados? Como un político dicindo que sobra el mesmo? Que cousas máis rara non?

É pura matemática, e das sinxelas, tan sinxela que ata eu, que son negado para elas, o vin de lonxe. A menor número de deputados menor representatividade nos parlamentos polo tanto máis doado que eles acaden maiorías absolutas. Nun momento no que aínda que eles estean no goberno e tomando medidas antipopulares, o voto da sociedade estase a fragmentar coa aparición de novos partidos que en comunidades autónomas como Galicia, ven case imposible superar o 5% esixido pola lei electoral para poder acadar un escano no Parlamento.

Onte no xornal El País, na noticia na que se trataba a proposición do presidente da Xunta de Galicia para reducir o número de parlamentarios púñase un exemplo de manual para entender o que está a pasar realmente.

“Tres días después de lanzar la propuesta, ningún dirigente popular ha cuantificado el ahorro que conlleva, aunque basta multiplicar el sueldo de un diputado (80.700 euros brutos anuales) por los 14 que se pretenden suprimir para concluir que rondaría el millón de euros, un importe similar al que la Consellería de Industria invirtió la pasada semana en una campaña publicitaria para “transmitir optimismo en la economía gallega”.”

Un millón de euros para unha campaña de publicidade? Creo que non paga a pena nin que me poña a citar exemplos de onde podemos empregar ese millón de euros, nin o que é para min isto porque é obvio que todos sentimos o mesmo ó ver isto. Noxo, vergoña e polo menos eu, ganas de cambiar isto e o mundo en xeral.

Sen máis, grazas polo voso tempo, saúde e república!