Síntoo moito, non
podo máis; hai cousas que me rebentan por dentro, e mira ti por onde, este é o
meu blogue e podo empregalo da forma que me dea a gana, non lle teño que dar
explicacións a ninguén, así que hoxe vaime servir de vía de escape.
Hoxe, como día
normal que é, morreu xente, morreu xente por motivos inxustos, por guerras e
conflitos que non teñen razón de si, ou que sí a teñen, como pode ser a reclama de dereitos e
liberdades por parte dun pobo que se atopa nunha situación de desesperación
onde a única saída que atopan é a loita violenta.
E por que digo
que é un día normal? Porque isto señoras e señores, pasa tódolos días, isto non
é unha catástrofe que pasa só un día do ano, pero é o que ten este mundo onde
as redes sociais son tan importantes e onde poñer o teu tweet ou a túa opinión
en Facebook sobre os titulares dos medios de comunicación do día é fundamental.
Non lles vou
facer publicidade, non penso dicir os seus nomes, é máis, seguramente eles
sexan tan importantes que non vaian a ler nunca estas liñas, aínda que despois
se lles encherá a boca dicindo “compañeiros”, “somos todos iguais”, “estou aquí
para escoitar as túas ideas”. Pero é o que ten, son a clase política que temos,
e que algúns, utópicos lles gusta chamarnos a máis dun, pretendemos aniquilar,
e sí, non me arrepinto de empregar a palabra aniquilar, porque é o que temos
que facer, rematar cos políticos que se preocupan de quedar ben, de vender
premisas prefabricadas e de só mollarse para salvar o seu cu.
Tampouco fai
falla publicar tódolos días que tes en mente e sabes o que esta a pasar en
tantos lugares do mundo, porque quero facer fincapé en que hoxe foi Siria, pero
tamén está a morrer xente no Tíbet, vulnéranse os dereitos humanos no Magreb,
en Oriente Medio, China, en parte de América Latina e nunha morea de lugares
máis.
Só dicir, que se
de verdade vos da pena, se de verdade vos importa máis que o valor ínfimo que
ten un tweet, ou dez tweets nos que mostrades a vosa indignación, que fagades
algo.
Creo que hoxe non
dixen nin unha soa palabra sobre a noticia da masacre siria, pero teño a
conciencia moi tranquila, porque sei que dentro das miñas posibilidades estou a
facer todo o que podo para evitar que pase, e non preciso que todo o mundo o
saiba.
Xa para rematar,
gustaríame compartir con vós a que podemos dicir que é a premisa que fai que me
mova polo que creo. Unha vez un home moi sabio, creo que o máis sabio que
coñezo, me dixo unha cousa: “A única forma de cambiar as cousas que non che
gustan, é cambiándoas ti; e a única forma que tes ti de cambiar as cousas, e
traballando arreo por elo.” Por iso, e porque sei que só un non pode facer
nada, quero darlle as grazas a toda esa xente que está a moverse e a darlle
voltas á cabeza intentando sacar adiante esta loucura maquiavélica e
controvertida que un día saíu de non sei moi ben onde.
Pensemos coño! Que
pode que a primeira media hora saía un pouquiño de fume, pero non vos preocupedes,
se prende lume, será dese lume necesario, o lume que prende as mechas da revolución.