domingo, 27 de mayo de 2012

De como desfogar nun intre...


Síntoo moito, non podo máis; hai cousas que me rebentan por dentro, e mira ti por onde, este é o meu blogue e podo empregalo da forma que me dea a gana, non lle teño que dar explicacións a ninguén, así que hoxe vaime servir de vía de escape.

Hoxe, como día normal que é, morreu xente, morreu xente por motivos inxustos, por guerras e conflitos que non teñen razón de si, ou que sí a teñen,  como pode ser a reclama de dereitos e liberdades por parte dun pobo que se atopa nunha situación de desesperación onde a única saída que atopan é a loita violenta.

E por que digo que é un día normal? Porque isto señoras e señores, pasa tódolos días, isto non é unha catástrofe que pasa só un día do ano, pero é o que ten este mundo onde as redes sociais son tan importantes e onde poñer o teu tweet ou a túa opinión en Facebook sobre os titulares dos medios de comunicación do día é fundamental.

Non lles vou facer publicidade, non penso dicir os seus nomes, é máis, seguramente eles sexan tan importantes que non vaian a ler nunca estas liñas, aínda que despois se lles encherá a boca dicindo “compañeiros”, “somos todos iguais”, “estou aquí para escoitar as túas ideas”. Pero é o que ten, son a clase política que temos, e que algúns, utópicos lles gusta chamarnos a máis dun, pretendemos aniquilar, e sí, non me arrepinto de empregar a palabra aniquilar, porque é o que temos que facer, rematar cos políticos que se preocupan de quedar ben, de vender premisas prefabricadas e de só mollarse para salvar o seu cu.

Tampouco fai falla publicar tódolos días que tes en mente e sabes o que esta a pasar en tantos lugares do mundo, porque quero facer fincapé en que hoxe foi Siria, pero tamén está a morrer xente no Tíbet, vulnéranse os dereitos humanos no Magreb, en Oriente Medio, China, en parte de América Latina e nunha morea de lugares máis.

Só dicir, que se de verdade vos da pena, se de verdade vos importa máis que o valor ínfimo que ten un tweet, ou dez tweets nos que mostrades a vosa indignación, que fagades algo.

Creo que hoxe non dixen nin unha soa palabra sobre a noticia da masacre siria, pero teño a conciencia moi tranquila, porque sei que dentro das miñas posibilidades estou a facer todo o que podo para evitar que pase, e non preciso que todo o mundo o saiba.

Xa para rematar, gustaríame compartir con vós a que podemos dicir que é a premisa que fai que me mova polo que creo. Unha vez un home moi sabio, creo que o máis sabio que coñezo, me dixo unha cousa: “A única forma de cambiar as cousas que non che gustan, é cambiándoas ti; e a única forma que tes ti de cambiar as cousas, e traballando arreo por elo.” Por iso, e porque sei que só un non pode facer nada, quero darlle as grazas a toda esa xente que está a moverse e a darlle voltas á cabeza intentando sacar adiante esta loucura maquiavélica e controvertida que un día saíu de non sei moi ben onde.

Pensemos coño! Que pode que a primeira media hora saía un pouquiño de fume, pero non vos preocupedes, se prende lume, será dese lume necesario, o lume que prende as mechas da revolución.

No hay comentarios: