Collo isto de novo, despois de telo abandoado
por distintos motivos, e comezar un novo proxecto, no cal non pretendo seguir o
mesmo tipo de entradas que neste blogue (para aqueles que queirades
malo sera e se non que chova ), pero hoxe preciso de tempo e
espazo para plasmar aquí o que quero dicir.
Coma sempre isto é unha opinión persoal; e a
miña opinión persoal é miña e a discutirei comigo mesmo nos meus monólogos
internos (que teño moitas horas de tren para pensar nesta cidade). Calquera que
se sinta ofendido ou atacado recoméndolle que revise a súa visión crítica,
porque é un texto escrito totalmente pensando única a exclusivamente en algo
que quero dunha maneira moi forte; o Partido dos Socialistas de Galicia.
Vou ser claro e conciso, non teño compromiso
con ninguén máis que comigo mesmo, e é por iso polo que podo ser sincero sen
ter medo a equivocarme, porque sei que se me equivoco, o estarei facendo dende
o corazón e iso é positivo, porque quen non se equivoca, non aprende.
O día 21 de Outubro como todos e todas
sabedes, votouse en Galicia, o análise dos resultados xa está máis que
elaborado e non hai nada máis que rañar polo medio, abstención, ruptura de
voto, reaparición de Beiras, descalabro no PSdeG e no BNG; resultado: 4 anos
máis de longa noite de pedra.
É obvio que hai un motivo, neste caso e dende
o meu punto de vista hai máis dun motivo.
É obvio que o PSOE, despois dos últimos tres
anos e pico de goberno Zapatero viuse tocado, a sociedade ve nas nosas letras,
na nosa rosa e no noso puño, unha mala xestión da crise, unha xirada de cara á
sociedade poñéndolle a meixela á Unión Europea. Iso é o que ve a sociedade.
Na miña humilde opinión, aquí atopámonos cun
dos maiores problemas do Partido Socialista, non sabemos contar as cousas; non
sabemos lanzar mensaxes, non sabemos ser transparentes e sobre todo, non
sabemos como facer para que a xente nos escoite.
A mensaxe sinxela é que Zapatero vendeuse a
Merkel. A mensaxe que non soubemos mandar é que temos unhas condicións que
cumprir por estar dentro da Unión Europea, e que se estivemos na Unión Europea
para ás boas, temos que saber estar para as malas; somos adultos e temos que
ser responsables.
É certo que se fixeron cousas mal; non se pode
lanzar unha mensaxe á sociedade de que a Constitución é un documento
inalterable e despois modificalo daquela maneira. Somos socialistas e iso ten
que estar por enriba de todo, pero volvemos ó mesmo de antes, non sabemos
comunicar e non saberíamos como explicar porque queremos reformalo, que vai
supoñer reformalo e que vai pasar se non o reformamos.
Polo tanto, primeiro problema; Comunicación
Política. O PSdeG precisa urxentemente dunha reformulación do seu modo de
lanzar mensaxes; dende todos os ámbitos, dende a elite ata as bases. Unha
reformulación baseada nas canles internas do partido que se establezan para o
facelo.
Outro dos motivos que podo atopar que sexan
motivo do descalabro electoral é claramente a imaxe do partido, do partido en
xeral. Non podemos negar que ante a pregunta, "como definirías ó
PSdeG?" atoparemos unha resposta maioritaria de "partido de
centro". Calquera militante do PSdeG negaría rotundamente que sexamos un
partido de centro, porque é a realidade, as bases do PSdeG son de esquerdas,
pouco menos de esquerdas que un militante de Esquerda Unida. O problema neste caso,
o comportamento político do partido non se correspondeu coas opinión da
militancia. Por que? A resposta sinxela (a cal non comparto), a dirección do
Partido e o grupo parlamentario non son representativos da militancia. MENTIRA.
A dirección do Partido sae elixida pola maioría dos votos da militancia
mediante un sistema representativo (non perfecto obviamente pero é moi idiota
crer na perfección dunha maneira diferente á dun obxectivo á alcanzar e polo
que traballar día a día). O grupo parlamentario é o resultado da elaboración
dunhas listas que comeza coas asembleas locais nas cales todos os militantes
teñen voz e voto, e despois deste proceso é modificada e adaptada polo
candidato/candidatos o cal é totalmente lóxico porque, por se alguén non se
decata, o que hai que facer é un equipo de traballo que vaia a traballar e non
a trapichear polos despachos do Hórreo.
Na miña opinión o que falla aquí é a
inexistencia de canles de comunicación directa entre a militancia e o grupo
parlamentario e a dirección do Partido. É, ó meu parecer lóxico e necesario,
que se creen vías polas cales a militancia sexa escoitada e o grupo
parlamentario vexase comprometido a levar a cabo as súas actuacións dentro das
liñas marcadas pola militancia. É a única forma de reformular un partido cuxa
militancia non se sinte representada.
Ó mesmo tempo, e como obxectivo fundamental; o
PSdeG ten que reformularse. Un xiro cara á esquerda pero manténdose no canle da
socialdemocracia. Non ten sentido intentar retornar ó punto no que abandoamos o
marxismo, se o fixemos é porque o que queremos é seguir avanzando, cara diante
coa cabeza erguida e sen medo ó futuro. O futuro do PSdeG pasa polo sendeiro de
crear en Galicia políticas socialdemócratas de creación de riqueza, de aumentar
o valor produtivo dos nosos bens, dunha banca pública, da mellora do ensino e
da sanidade; e todo isto con outro factor fundamental que é noso, e un dos
nosos signos de identidade e nolo están a roubar, somos galegos e galegas,
somos galeguistas, sentímonos orgullosos da nosa lingua, da nosa cultura, do
noso país e temos que facelo saber.
Temos que lembrarlle á sociedade que apostamos
por un sistema de Estado Federal; que queremos que as decisións que afectan a
Galicia as tomemos nós, e as que nos afectan a todos as tomemos todos.
Non confiamos na independencia porque non
queremos illarnos, queremos estar unidos, queremos formar parte dun proxecto
europeo, que respecta ó medio ambiente, os dereitos das persoas, a igualdade, a
xustiza e no que todos e todas contan, sexan como sexan e teñan os cartos que
teñan na carteira.
Temos unha oportunidade magnífica neste tempo,
aínda que todo pode parecer negro, en realidade é o momento. É o momento de
erguernos e tirar para arriba, con máis forza que nunca, para acabar con esta
longa noite de pedra que está a sufrir a nosa terra.
Non creades a aqueles que din que estamos na
peor das situacións e que de aquí so podemos tirar para arriba, non señoras e
señores, aínda podemos ir a peor, como diría o meu pai "toda situación é
susceptible de empeorar" (non sei porque lle ten tanto gusto a esa frase
pero agora veume que ni pintada); e como non tomemos as rendas, todos xuntos, e
tiremos na mesma dirección, ímonos á merda...
E xa para finalizar, só quero dicir, que isto
non é un problema de líder, non é un problema de cara; é un problema de TODOS,
é un problema do que critica e non constrúe, é un problema do que se queixa e
non traballa, é un problema do que só traballa cando lle interesa e para quen
lle interesa, é un problema dos que non queren ó Partido Socialista. Aquí non
importa se se chama Emilio, Pachi ou Elena, aquí o que importa e que temos que
estar todos xuntos, ó mesmo, tirando con forza para o mesmo lado, e se temos
algo que dicir, o dicimos dentro, e se gañamos un congreso, xenial, e se o
perdemos, mellor.
A crítica é moi boa, pero onde é moi boa é nas
asembleas e nos Comités Nacionais, onde moitos e moitas o empregan de maneira destrutiva
ou para lamer o cu de turno, no canto de erguerse e dicir "Compañeiros,
compañeiras, temos que cambiar isto..." e unha vez fora, todos da man como
unha marea vermella que inunde as rúas das nosas cidades, pobos e aldeas,
falando coa xente e explicándolles quenes somos e a onde queremos ir.
Ese, sería un Partido Socialista ó que me
gustaría afiliarme, ó que me gustaría votar e o que me gustaría defender; un
Partido Socialista que pareza Sálvame Deluxe, por desgraza para min, será o
partido no que teño que militar, porque as miñas ideas non mas sacan nin a
paus.
Grazas polo voso tempo, saúde república!