martes, 30 de octubre de 2012

Reflexións.


Collo isto de novo, despois de telo abandoado por distintos motivos, e comezar un novo proxecto, no cal non pretendo seguir o mesmo tipo de entradas que neste blogue (para aqueles que queirades malo sera e se non que chova ), pero hoxe preciso de tempo e espazo para plasmar aquí o que quero dicir.

Coma sempre isto é unha opinión persoal; e a miña opinión persoal é miña e a discutirei comigo mesmo nos meus monólogos internos (que teño moitas horas de tren para pensar nesta cidade). Calquera que se sinta ofendido ou atacado recoméndolle que revise a súa visión crítica, porque é un texto escrito totalmente pensando única a exclusivamente en algo que quero dunha maneira moi forte; o Partido dos Socialistas de Galicia.

Vou ser claro e conciso, non teño compromiso con ninguén máis que comigo mesmo, e é por iso polo que podo ser sincero sen ter medo a equivocarme, porque sei que se me equivoco, o estarei facendo dende o corazón e iso é positivo, porque quen non se equivoca, non aprende.

O día 21 de Outubro como todos e todas sabedes, votouse en Galicia, o análise dos resultados xa está máis que elaborado e non hai nada máis que rañar polo medio, abstención, ruptura de voto, reaparición de Beiras, descalabro no PSdeG e no BNG; resultado: 4 anos máis de longa noite de pedra.

É obvio que hai un motivo, neste caso e dende o meu punto de vista hai máis dun motivo.

É obvio que o PSOE, despois dos últimos tres anos e pico de goberno Zapatero viuse tocado, a sociedade ve nas nosas letras, na nosa rosa e no noso puño, unha mala xestión da crise, unha xirada de cara á sociedade poñéndolle a meixela á Unión Europea. Iso é o que ve a sociedade.

Na miña humilde opinión, aquí atopámonos cun dos maiores problemas do Partido Socialista, non sabemos contar as cousas; non sabemos lanzar mensaxes, non sabemos ser transparentes e sobre todo, non sabemos como facer para que a xente nos escoite.

A mensaxe sinxela é que Zapatero vendeuse a Merkel. A mensaxe que non soubemos mandar é que temos unhas condicións que cumprir por estar dentro da Unión Europea, e que se estivemos na Unión Europea para ás boas, temos que saber estar para as malas; somos adultos e temos que ser responsables.

É certo que se fixeron cousas mal; non se pode lanzar unha mensaxe á sociedade de que a Constitución é un documento inalterable e despois modificalo daquela maneira. Somos socialistas e iso ten que estar por enriba de todo, pero volvemos ó mesmo de antes, non sabemos comunicar e non saberíamos como explicar porque queremos reformalo, que vai supoñer reformalo e que vai pasar se non o reformamos.

Polo tanto, primeiro problema; Comunicación Política. O PSdeG precisa urxentemente dunha reformulación do seu modo de lanzar mensaxes; dende todos os ámbitos, dende a elite ata as bases. Unha reformulación baseada nas canles internas do partido que se establezan para o facelo.

Outro dos motivos que podo atopar que sexan motivo do descalabro electoral é claramente a imaxe do partido, do partido en xeral. Non podemos negar que ante a pregunta, "como definirías ó PSdeG?" atoparemos unha resposta maioritaria de "partido de centro". Calquera militante do PSdeG negaría rotundamente que sexamos un partido de centro, porque é a realidade, as bases do PSdeG son de esquerdas, pouco menos de esquerdas que un militante de Esquerda Unida. O problema neste caso, o comportamento político do partido non se correspondeu coas opinión da militancia. Por que? A resposta sinxela (a cal non comparto), a dirección do Partido e o grupo parlamentario non son representativos da militancia. MENTIRA. A dirección do Partido sae elixida pola maioría dos votos da militancia mediante un sistema representativo (non perfecto obviamente pero é moi idiota crer na perfección dunha maneira diferente á dun obxectivo á alcanzar e polo que traballar día a día). O grupo parlamentario é o resultado da elaboración dunhas listas que comeza coas asembleas locais nas cales todos os militantes teñen voz e voto, e despois deste proceso é modificada e adaptada polo candidato/candidatos o cal é totalmente lóxico porque, por se alguén non se decata, o que hai que facer é un equipo de traballo que vaia a traballar e non a trapichear polos despachos do Hórreo.

Na miña opinión o que falla aquí é a inexistencia de canles de comunicación directa entre a militancia e o grupo parlamentario e a dirección do Partido. É, ó meu parecer lóxico e necesario, que se creen vías polas cales a militancia sexa escoitada e o grupo parlamentario vexase comprometido a levar a cabo as súas actuacións dentro das liñas marcadas pola militancia. É a única forma de reformular un partido cuxa militancia non se sinte representada.

Ó mesmo tempo, e como obxectivo fundamental; o PSdeG ten que reformularse. Un xiro cara á esquerda pero manténdose no canle da socialdemocracia. Non ten sentido intentar retornar ó punto no que abandoamos o marxismo, se o fixemos é porque o que queremos é seguir avanzando, cara diante coa cabeza erguida e sen medo ó futuro. O futuro do PSdeG pasa polo sendeiro de crear en Galicia políticas socialdemócratas de creación de riqueza, de aumentar o valor produtivo dos nosos bens, dunha banca pública, da mellora do ensino e da sanidade; e todo isto con outro factor fundamental que é noso, e un dos nosos signos de identidade e nolo están a roubar, somos galegos e galegas, somos galeguistas, sentímonos orgullosos da nosa lingua, da nosa cultura, do noso país e temos que facelo saber.

Temos que lembrarlle á sociedade que apostamos por un sistema de Estado Federal; que queremos que as decisións que afectan a Galicia as tomemos nós, e as que nos afectan a todos as tomemos todos.

Non confiamos na independencia porque non queremos illarnos, queremos estar unidos, queremos formar parte dun proxecto europeo, que respecta ó medio ambiente, os dereitos das persoas, a igualdade, a xustiza e no que todos e todas contan, sexan como sexan e teñan os cartos que teñan na carteira.

Temos unha oportunidade magnífica neste tempo, aínda que todo pode parecer negro, en realidade é o momento. É o momento de erguernos e tirar para arriba, con máis forza que nunca, para acabar con esta longa noite de pedra que está a sufrir a nosa terra.

Non creades a aqueles que din que estamos na peor das situacións e que de aquí so podemos tirar para arriba, non señoras e señores, aínda podemos ir a peor, como diría o meu pai "toda situación é susceptible de empeorar" (non sei porque lle ten tanto gusto a esa frase pero agora veume que ni pintada); e como non tomemos as rendas, todos xuntos, e tiremos na mesma dirección, ímonos á merda...

E xa para finalizar, só quero dicir, que isto non é un problema de líder, non é un problema de cara; é un problema de TODOS, é un problema do que critica e non constrúe, é un problema do que se queixa e non traballa, é un problema do que só traballa cando lle interesa e para quen lle interesa, é un problema dos que non queren ó Partido Socialista. Aquí non importa se se chama Emilio, Pachi ou Elena, aquí o que importa e que temos que estar todos xuntos, ó mesmo, tirando con forza para o mesmo lado, e se temos algo que dicir, o dicimos dentro, e se gañamos un congreso, xenial, e se o perdemos, mellor.

A crítica é moi boa, pero onde é moi boa é nas asembleas e nos Comités Nacionais, onde moitos e moitas o empregan de maneira destrutiva ou para lamer o cu de turno, no canto de erguerse e dicir "Compañeiros, compañeiras, temos que cambiar isto..." e unha vez fora, todos da man como unha marea vermella que inunde as rúas das nosas cidades, pobos e aldeas, falando coa xente e explicándolles quenes somos e a onde queremos ir.

Ese, sería un Partido Socialista ó que me gustaría afiliarme, ó que me gustaría votar e o que me gustaría defender; un Partido Socialista que pareza Sálvame Deluxe, por desgraza para min, será o partido no que teño que militar, porque as miñas ideas non mas sacan nin a paus.

Grazas polo voso tempo, saúde república!

No hay comentarios: