jueves, 23 de junio de 2011

Arrebatos de sinceridade.


Atopámonos rodeados de manifestantes e acampados que protestan contra a imposición dos mercados por enriba dos gobernos, por unha venda dos dereitos e liberdades dos cidadáns e por un mal reparto da representatividade.

Atópome totalmente de acordo con eles nestes aspectos, hai que facer autocrítica, ningún partido, e tampouco o partido no cal milito e do cal síntome especialmente orgulloso de ser militante, plantou clara de maneira forte a estes atropelos contra os cidadáns.

Pero as cousas, dende o meu punto de vista claro está, por algo isto é o meu blog, non son tal cal as pintan estes indignados.

O primeiro que hai que ter en conta é que vivimos nunha España que, nos guste ou non, esta dentro dunha organización internacional que é a Unión Europea, unha organización internacional que, por moito que ten uns matices sociais boísimos, e que avoga pola liberdade dos seus cidadáns e pola mellora da calidade de vida destes, non deixa de ser unha organización cuns inicios e uns fins de carácter económico.

A principal finalidade da Unión Europea non é só a que, ó meu parecer é a máis nobre e a que debería de primar por enriba das demais, a mellora dos seus países membros para acadar uns Estados libres e coa mellor calidade democrática do mundo, baseándose nun Estado de Benestar que protexa ós seus cidadáns; se non que o seu principal obxectivo é a xeración dun ámbito económico forte e competitivo.

A moeda única e a liberdade de tránsito de persoas e mercadorías por toda a Unión Europea non é para facilitar a vida dos cidadáns europeos, se non para xerar unha posición máis forte e vantaxosa contra outros mercados como poden ser os americanos ou os asiáticos.

Obviamente existe unha corrente que avoga por una Europa social e non económica, pero non é a corrente principal nin moito menos.

España non ten outra máis que asumir o que manda a Unión Europea e o Banco Europeo, ou iso ou fora da Unión, e a día de hoxe nun mundo totalmente globalizado, para España, o feito de saír da Unión Europea non é só unha loucura, é tamén un suicidio.

E como ben dicía, non nos queda outra que aceptar o que digan estes señores e señoras, e iso temos que aceptalo goberne quen goberne, goberne o PP, o PSOE, Esquerda Unida, CiU, PNV, BNG, UPyD ou o Partido dos Indignados, se non o cumprimos non teñen problema algún en darnos unha patada no cu e botarnos, que non somos Alemaña nin Reino Unido nin Francia.

É verdade que os gobernos non están a facer ningún movemento contra a supremacía dos mercados, pero aínda así seguen a existir diferenzas, as diferenzas que queramos ou non, son as de toda a vida, hai gobernos que queren facer unhas políticas máis para o pobo, para os que teñen menos; e gobernos que prefiren facer políticas para que os que xa teñen teñan máis doado ter máis, iso é así, e non hai consigna de manifestación que por moi ben que rime o vaia a cambiar. Non se pode negar que existen gobernos que lle dan máis dereitos e liberdades ós seus cidadáns e outros que, polo contrario, deciden acabar con eles.

Todo parece fatal nestes momentos de crise, o goberno o fixo fatal e non merecen nin o noso respeto … Paréceme que estamos a falar coma nenos pequenos que enfádanse e non queren razoar por moito que papa e mama intentan falar con eles. 

Alguén de verdade, cun mínimo criterio, pensa que o señor José Luís Rodríguez Zapatero, presidente dun país coma España, cunha influencia mínima na economía mundial, é capaz de xerar unha crise mundial? 

Alguén pode ver unha solución lóxica nun partido que di ser a alternativa de esquerdas e que á primeira de cambio pacta cun partido de dereitas para evitar que outro partido de esquerdas goberne? 

Ou aínda peor, alguén ve unha solución nun partido cuxas políticas económicas son, reducir o gasto social, privatizar todo o posible e dar máis facilidades ás rentas máis elevadas, ben sexa mediante a supresión do imposto pola compra dunha segunda vivenda, ou a redución de impostos ás grandes fortunas? 

Pode que a crise dos habitantes do Barrio de Salamanca en Madrid soluciónese de maneira espectacular con estas medidas, pero a maioría de nos creo que o pasaríamos peor.

Despois desta entrada sei que moita xente dirá que a chapa do PSOE creou raíces en min, pero sinxelamente o escrito aquí é a miña sincera opinión. Como xa dixen o principio, o comportamento do partido no cal milito non foi exemplar, sinceramente creo que foi bastante bo nesta época de crise, e gustaríame ver a situación do noso país nestos momentos cun goberno de dereitas, se agora semella que estamos vendidos a Europea e ós mercados, non quero nin imaxinarme como estaríamos co señor Mariano Rajoy como presidente do goberno.

Como mensaxe final, acampados, acampadas, indignados, indignadas, grazas, grazas de corazón, porque moitas das ideas que tedes e reclamades, tamén as temos as bases dos partidos de esquerdas.

Pode semellar oportunista, pero é o meu blog, non ten repercusión ningunha, e non deixa de ser a miña humilde opinión. Reclamar estas cousas non está en conflito coa militancia nun partido, e máis, existen partidos que loitan pola igualdade entre todos os cidadáns.

Todo pode mellorar moitísimo, e é o momento de comezar a cambialo, cambialo para mellor, e se reclamamos estas consignas, haberá que facer que cheguen ás elites dos partidos, ou mesmo crear un partido ou varios partidos que defendan estes ideais a capa e espada.

Para min é mester unha reforma electoral coa que a inmensa maioría da poboación consiga sentirse, polo menos, representada nas institucións, pero eu tamén creo que é sumamente necesaria unha reforma da Constitución.

Non obstante, e por se non quedou aínda claro, sigo a defender con suor e lágrimas (e se non que lle pregunten á xente que estivo na sede de campaña o 22 de Maio despois dos resultados electorais) ó que considero o mellor partido, ó partido que defende os meus ideais, que loita polos meus dereitos, o Partido Socialista Obreiro Español, lle guste a quen lle guste e lle moleste a quen lle moleste, porque teño claro que se me involucro en política é porque quero cambiar as cousas, defender e mellorar as que defendo e reducir e borrar aquelas que considero nocivas para a sociedade, non para xogar nin para pasar o rato, a política non é un xogo e buscando unicamente intereses persoais o único que se consigue é desprestixiala.

Sen máis, grazas polo voso tempo, pido perdón por se alguén se sentiu ofendido ou ofendida, pero non obrigo a ninguén a compartir os meus ideais. Saúde e república!

No hay comentarios: