Nestes últimos días tiven a
oportunidade de escoitar a dous dos homes máis influentes no meu pensamento
político, o señor Xosé Manuel Beiras e o señor Felipe González.
E decateime de que sen que eu fora consciente; e sendo consciente de que sen
que fose a súa intención; foron capaces de sementar en min unha idea que ambos
comparten.
Ambos discursos xiraron ó redor dunha idea que esta moi presente na miña forma
de ver a política, e máis que na miña forma de vela na miña forma de intentar
facela, a revolución.
Dende o meu punto de vista,
ten que ser a revolución a que mova o corazón de todas aquelas persoas que se
consideran de esquerdas e que adícanse á política. Nos últimos anos, e en parte
moi influído pola situación de crise económica que estamos a vivir, os partidos
de esquerdas basean os seus discursos na xestión, en remarcar que eles
xestionarían mellor os recursos públicos neste período que os seus competidores
políticos, remarcando ese lema tan repetido por aquelas persoas que senten unha
gran desafección política que di que “todos son iguais”.
Obviamente a miña
opinión como persoa que confía e que, na miña humilde medida, adícase á
política, non é que todos sexamos iguais, para nada, temos moitas diferenzas,
pero cometemos un erro ó non remarcar esta diferenza da que estaba a falar, o
feito de que nós estamos aquí para revolucionar a realidade.
Nestes últimos días non
parei de escoitar unha fermosísima cita de Eduardo Galeano que ó meu parecer
representa perfectamente o que temos que facer todos aqueles que nos
consideramos de esquerdas
“Ella está en el horizonte. Me acerco dos pasos, ella
se aleja dos pasos. Camino diez pasos y el horizonte se corre diez pasos más
allá. Por mucho que yo camine, nunca la alcanzaré. ¿Para que sirve la utopía?
Para eso sirve: para caminar.”
Ten que ser o obxectivo
primordial dos partidos de esquerdas gobernar para revolucionar. Estamos a
estancarnos nun momento onde a dereita xa non é dereita, se non que estase a
converter en ultradereita; e os partidos de esquerdas temos que demostrar que estamos
á vangarda, á vangarda da innovación, da revolución.
Aínda que agardo que todas e
todos entenderades cal é a miña idea da revolución, para non xerar confusións,
obviamente estou a falar dunha revolución cuxa única arma sexa a palabra e cuxo
único fin sexa camiñar cara esa utopía inalcanzable, que vaia deixando unha
camiño de dereitos e igualdade para todas e todos, un camiño que é a nosa
obriga abrir para que todas e todos podamos camiñar por el construíndo un mundo
mellor.
Unha vez máis, grazas polo
voso tempo e agardo o voso “feedback” (os vosos comentarios e ideas) sobre como
debe de ser esta revolución e cara onde temos que camiñar.
Saúde e república!