jueves, 1 de septiembre de 2011

E isto é só o comezo...


Ó erguerme hoxe pola mañá, decidín retomar aquel costume de ler a prensa dixital almorzando, pero xa non me lembraba de que ás veces isto produce arcadas en pleno almorzo.

Hoxe periódicos como “Público” e “El País”, móstranos nas súas portadas, unha parte fundamental do programa electoral que o Partido Popular vai levar nas próximas eleccións xerais. Aínda que o señor Rajoy fale coa boca pequena para que ninguén o escoite porque falando alto e claro o único que pode facer é perder votos; outras grandes figuras do Partido Popular, van deixando caer con contagotas diversas medidas que levará a cabo o seu partido se gaña as eleccións.




“Cospedal anuncia duros recortes y los pone como ejemplo para España” Público.

“Cospedal hará el mayor recorte en los centros sanitarios: 400 millones”  El País.
 


Xa se lle ve a patiña ó lobo! Catrocentos millóns de euros menos para sanidade pública! Ademais, como medida para obter máis financiación, Cospedal venderá e arrendará centros médicos públicos, pagados por todos nos cos nosos impostos, a entidades sanitarias privadas.

Máis recortes en Educación Pública, o que supón menos profesores para os mesmos alumnos. Menos liberados sindicais, ou sexa, menos número de xente traballando polos dereitos dos seus compañeiros, Castela a Mancha pasará de ter 785 a 284.

Cospedal eliminará tamén a representación do Defensor do Pobo e dos delegados das consellerías nas provincias de Castela, unha clara marca do centralismo típico do Partido Popular.

Outra medida de impresión e o feito de que Cospedal vai reducir 32 dos 33 centros de formación de profesorado existentes en Castela a Mancha. Si señores, 33 menos 32 é 1, só se salva un.

Ó mesmo tempo, Cospedal suprime a oficina da Xunta de Castela a Mancha en Bruxelas e comeza o proceso de privatización da Televisión de Castela a Mancha.

En total, segundo ela, 1815 millóns de euros vanse a aforrar durante 2011 e 2012, pero, de verdade ós habitantes de Castela a Mancha, comunidade autónoma rica onde as haxa, coa segunda renta per capita máis baixa do Estado (18.471 euros), precisan deste tipo de recortes? A unha persoa á que lle costa chegar a fin de mes, de verdade favorécelle que o seu goberno reduza aínda máis as prestacións sociais, facendo que cada vez teña que pagar máis por servizos antes gratuítos?

Xa se descubriron. Por se alguén aínda o dubidaba, o Partido Popular non é un partido que mire polas persoas. Hai formas e formas de saír da crise, e se xa estamos vendidos, a solución non é seguir a permitir que nos vendan. O 20 de novembro, todas e todos nos vamos a xogar un partido moi importante nas urnas. Hai futuro, podemos xerar futuro; votando con cabeza.

E cando digo votando con cabeza digo que penses nos teus propios beneficios. Se tes accións en Sanitas ou Adeslas ou cangalladas desas, pois claro que si, vota o Partido Popular, clínica a prezo de saldo. Pero se no canto de ter accións de Adeslas, tes unha hipoteca, un fillo, unha sobriña ou unha irmá pequenos, pensa neles; pensa en que o seu futuro esta nese momento na túa man, poden ter unha educación pública e de calidade, cun acceso á universidade practicamente universal, con matrículas con prezos simbólicos e becas que os axuden a estudiar; ou poden medrar sen expectativas de futuro, nun mundo onde se non tes cartos, non podes chegar a ser ninguén.

Unha vez máis, grazas polo voso tempo, saúde e república!

No hay comentarios: