sábado, 31 de diciembre de 2011

2011.


Hoxe non é un día para facer análise político, o análise político faise día a día, non serve de nada dicirlle á xente o que pasou, ela o sabe mellor que ninguén porque é ela quen o nota nas súas propias carnes.

Hoxe é un día para reflexionar, e obviamente non o podo negar, persoalmente, o ano 2011 no seu ámbito político para min foi nefasto. Dúas derrotas de dúas campañas, dúas maiorías absolutas da dereita...

Pero dende un plano persoal, considero que o ano 2011 aportoume as mellores experiencias políticas da miña vida, e atrévome a dicilo con 19 anos porque son estas, as experiencias no momento no que me estou a comezar a formar, as que me van a marcar no futuro.

Sei que vai soar prepotente, pero hai un ano o feito de darlle a man a un político de, por así chamalo, alta gama, era coma un agasallo de Nadal, facíame moita ilusión e as pernas non paraban de tremerme.

Despois de agarrar a Rubalcaba e pouco máis obrigalo a que se pare para que se saque unha foto contigo e os teus compañeiros, como que é esa sensación de que xa hai confianza, que xa estas a falar cun compañeiro máis, e decataste de que en realidade ten que ser así, un compañeiro máis.

Despois de facer máis de 2500 km durante a campaña, de durmir pouco e menos que pouco, despois de que o equipo de seguridade de campaña odiase as nosas caras, despois de pelear polo que queremos, a verdade, asumir que por moito que traballes sempre podes perder, foi unha boa lección. Doeu, non o podo negar, pero creo que máis nos vai a doer aguantar os anos que veñan de goberno do Partido Popular.

Pero hoxe non é o día de falar disto, hoxe é o día de agradecer, a todas aquelas persoas que estiveron comigo, que decidiron tamén durmir pouco e facer moitos quilómetros, pegar moitos carteis, a todos aqueles compañeiros e compañeiras, todas esas caras que forman parte dese “collage-mental” das campañas que forma o meu cerebro. Grazas porque como socialistas sabemos que o traballo individual non serve de nada, se non traballasemos todos xuntos en grupo, non se levaría nada a cabo.

Pero o agradecemento ós compañeiros é, alomenos para min, o menos importante. Eles están aí pola mesma razón ca min, e sei que o disfrutaron tanto coma min.

O agradecemento realmente importante é o de todas aquelas persoas, que cada vez que chegaba á casa, á facultade, a unha cafetería, a calquera hora, collía e me aguantaba que seguira coa chapa posta dándolles a bara. A todas aquelas persoas que estiveron para que eu puidera estoupar un pouco e tamén para cambiar de tema, elas e eles saben quenes son.

Non me podo esquecer dos meus mecenas, grazas papa e mama por aturar que Martín antepoña as súas ideas ós vosos cartos, agardo compracervos en Xaneiro.

É xa si, rematase o ano e con el remato esta última entrada, agardo que o 2012 sexa un ano, alomenos, tan bo como o 2011, se pode ser mellor, pero xa se sabe, a tragar co votado.

Os meus mellores desexos para todas e todos vós.

Unha vez máis, grazas polo voso tempo, saúde e república! (Hai que aproveitar agora que Urdangarin fixo das súas!)

lunes, 12 de diciembre de 2011

Queremos que volva o maltrato silencioso? EU NON!

Noxento, vergoñento, arrepiante, denigrante, horripilante, vomitivos é que non teño palabras, e que non sei que dicir, é tal a impotencia, as ganas de saír correndo de aquí, vendo como un alude cae sobre a sociedade, sobre esta sociedade que pensou que tiña certos dereitos ben agarrados, que estarían aí á súa disposición sempre…

“Comienza el cambio” gritaban algúns, como se estiveran predicindo a nova baixada de Deus á terra, adicáronse a predicar un cambio que ía a acabar con todos os problemas, con un cambio que ía a converter ó noso país nun país moitísimo mellor…

Eu non confiei neste cambio, e a verdade, gustaríame ter tan pouca decencia como para poder rirme de este cambio que ía ser tan bo para o noso país. Pero teño un problema, o meu problema é que non me gusta ver como as consecuencias deste cambio van a acabar con todas aquelas cousas que tanta xente dicía que non ían a cambiar, que non os pintásemos como se foran tan malos, que tampouco había que pasarse…

A verdade é que pensei que terían polo menos un pouquiño de humanidade e comezarían polo aborto, ou polo matrimonio homosexual, porque para que negalo, son cousas que non entran dentro das súas miras, pero non, e para a miña sorpresa hoxe apareceu isto na prensa:

Como se pode ser tan desprezable? Como se pode ser tan inhumano? Como podes deixar a unha vítima da que, polo menos eu creo que é a lacra máis grave deste país, incluso por detrás do terrorismo, unha lacra que asasina a máis de 60 mulleres por ano, mulleres que morren por culpa das súas parellas ou ex-parellas, por un machismo alimentado por aqueles que están a dirixir este cambio. Unha lacra que asasina tamén en moitas ocasións ós fillos destas parellas, todo por que un impresentable cree que é superior, cree que é o dono da súa parella, cree que a súa vida e del e pode facer con ela o que se antolle.

Non podo dicir máis, é horrible e agardo que isto se pare inmediatamente, porque non quero que o futuro presidente deste país, do meu país, sexa cómplice dos asasinatos de decenas de mulleres tódolos anos, e non por el, se non porque todas esas mulleres teñen dereito a que o Estado as defenda.

Isto é un clarísimo retroceso, só hai que ver algún capítulo da serie “Cuéntame como pasó” para ver que é o habitual naquela época, escoitar como o veciño lle está a pegar unha paliza á súa muller e non só non poder facer nada, se non que ó informar ás autoridades estas lle din que tampouco poden facer nada.

Agardo que ninguén se quede parado ante esta situación, que non calen as nosas voces, ninguén pode defender esta lacra tan presente na nosa sociedade.

Grazas unha vez máis polo voso tempo, saúde e república!

jueves, 8 de diciembre de 2011

Goodbye Europe?


Dende logo é o que se me ven á cabeza cada vez que nestos últimos días vexo un telexornal ou leo un xornal. Señoras e señores, Europa está máis que nunca en mans dunha dereita nacionalista que non quere pensar polo beneficio común, se non que está a pensar polo beneficio propio, ou se eles sos non poden, o beneficio do seu selecto club de amigos.

O que máis me doe, e o que máis me ofende, é que esta xente non ten respeto por absolutamente nada. O feito de que se fale dunha refundación da Unión Europea é cando menos, insultante.

Esta xente está disposta a rematar co concepto de Unión Europea que coñecemos para crear un novo ó seu gusto, un novo onde o único valor existente sexa o económico.

Queda demostrado con ler moi por enriba o tratado de Maastrich de 1992, a moeda única foi levada a cabo, beneficiando a todos pero en maior medida a algúns claro esta, pero pola contra, nunca se chegou a definir unha política de defensa común, algo que non convence ás grandes potencias xa que estarían a perder parte do seu compoñente nacional, tendo como resultado, por exemplo, a entrada de España e Reino Unido na guerra de Irak.

Hoxe viuse como Barroso e Rajoy falaban sobre que Obama nos Estados Unidos estaba levando una política contraria á que se esta a levar en Europa, incentivar o consumo por enriba da contención do gasto público, solución que eles vían “completamente inapropiada” para Europa. Os gobernos que lideran a inmensa maioría dos países de Europa optan por unha redución do gasto social, coa escusa de que así non terán que subir os impostos o cal “é prexudicial para a poboación”.

Nada disto señores, para quen é máis prexudicial pagar máis impostos é para quen máis ten, pero para a inmensa maioría da poboación, o que si que é prexudicial é perder todos os servizos públicos que se sustentan con ese gasto social que tan necesario ven reducir, e din sen complexos, maquillándoo un pouco porque non son capaces de ser sinceros, que estes servizos públicos son inviables e insostibles.

Isto é a gran mentira desta crise, nos queren convencer de que non temos dereito á Sanidade e á Educación Pública que leva instaurada no noso Estado dende os gobernos de Felipe González. Non señores, as cousas non son así, si que nos podemos permitir manter as cousas que son fundamentais para a maioría da poboación; pódese recortar antes eliminando as deputacións, reducindo presuposto militar… 

O que non podemos permitir é que uns poucos queiran sacar negocio do que é de todos, e aínda por riba, cando temos un sistema tan bo como o que temos, independentemente da súa taxa de éxito escolar ou das listas de espera, temos un sistema que nos admite a todos, sexamos como sexamos, teñamos os cartos que teñamos, e nos trata por igual.

Unha vez máis, grazas polo voso tempo, saúde e república! 

lunes, 5 de diciembre de 2011

Galician Service of Health.


O título desta entrada é, ou polo menos creo que debe de ser, o soño do señor Feijoo, converter o actual Servizo Galego de Saúde en algo máis cosmopolita, e como non, máis privado.

Os defensores da privatización de servizos falan de que son todo vantaxes debido a que redúcense listas de espera (obvio, non todo o mundo pode permitirse pagar o servizo sanitario e aínda menos nestes tempos que corren) aumenta a produtividade dos médicos (iso estará por ver) e mellora a atención do servizo (basean este último punto no feito de que por exemplo, nun supermercado, se teñen unha mala atención co cliente este ira a outro e ahí remata o problema; pero cando falamos de sistema sanitario, no caso de que existan varias opcións, a diferenza de prezo entre a que ten un bo trato e a que non o ten non vai ser a mesma que a que existe entre Carrefour e Alcampo, como podemos ver xa nalgúns mercados como poden ser as aerolineas, non teñen nada que ver as azafatas de Ryanair coas de Iberia.)

O señor Feijoo comezou xa non fai moito cun pseudo proceso de privatización da sanidade galega, comezaron reducindo servizos como o de ambulancias nocturnas en certos pobos pequenos da nosa xeografía; despois apareceu co cobro de 10€ pola renovación da tarxeta sanitaria, e como último e agardo que aquí se deteña porque isto xa é inadmisíbel, a rescisión dos servizos do SERGAS para todas e todos aqueles parados que leven máis dun ano nesta situación.

Pregúntome, como se pode ter a cara de dicirlle a aquela persoa que leva un ano sen poder traballar que non ten dereito a ir ó médico da mesma maneira que o fan aqueles que teñen a sorte de poder traballar; como se pode ter tanto morro señor Feijoo? 

Os medios sacaron á luz o caso de trinta persoas infectadas polo VIH en Galicia que perderan o dito dereito por levar máis dun ano parados, é dramático e reflicte o pouco tacto que ten o goberno do Partido Popular respecto da sociedade galega, dalle igual que morran 30 persoas, se esas 30 persoas non teñen cartos como para pagarse a súa sanidade.

Seguramente existan moitas persoas anónimas que atópense nesta situación mentres están a sufrir outras enfermidades graves, persoas que seguramente contribuíron durante o resto da súa vida á financiación da sanidade pública, e que agora, non so teñen que soportar a indesexable situación de estar en paro, se non que aínda por riba, o seu goberno, os atropela negándolles o acceso ó sistema sanitario PÚBLICO da mesma maneira que os demais.

Durante a redacción destas curtas liñas teño que conterme constantemente para non dicir o que de verdade gustaríame poder dicirlle ó señor Feijoo, pero hai unha cousa que é verdade e podo dicila con toda a tranquilidade do mundo. 

Señor Feijoo, non xogue coa vida das persoas, porque a xente non morre só por un mal tratamento, tamén morre por non recibir ese tratamento, e é vostede xunto coa Conselleira de Sanidade Mª Pilar Farjas Abadía (a cal preséntase na páxina web da consellería de sanidade da Xunta de Galicia como “a Conselleira de Sanidade de todos os galegos e galegas”) os causantes de que estas persoas non poidan recibir o tratamento da mesma maneira que o facían antes, converténdose en asasinos.

Sen máis, grazas polo voso tempo e perdoade que levara tanto tempo sen publicar. 

Saúde e república!