lunes, 5 de diciembre de 2011

Galician Service of Health.


O título desta entrada é, ou polo menos creo que debe de ser, o soño do señor Feijoo, converter o actual Servizo Galego de Saúde en algo máis cosmopolita, e como non, máis privado.

Os defensores da privatización de servizos falan de que son todo vantaxes debido a que redúcense listas de espera (obvio, non todo o mundo pode permitirse pagar o servizo sanitario e aínda menos nestes tempos que corren) aumenta a produtividade dos médicos (iso estará por ver) e mellora a atención do servizo (basean este último punto no feito de que por exemplo, nun supermercado, se teñen unha mala atención co cliente este ira a outro e ahí remata o problema; pero cando falamos de sistema sanitario, no caso de que existan varias opcións, a diferenza de prezo entre a que ten un bo trato e a que non o ten non vai ser a mesma que a que existe entre Carrefour e Alcampo, como podemos ver xa nalgúns mercados como poden ser as aerolineas, non teñen nada que ver as azafatas de Ryanair coas de Iberia.)

O señor Feijoo comezou xa non fai moito cun pseudo proceso de privatización da sanidade galega, comezaron reducindo servizos como o de ambulancias nocturnas en certos pobos pequenos da nosa xeografía; despois apareceu co cobro de 10€ pola renovación da tarxeta sanitaria, e como último e agardo que aquí se deteña porque isto xa é inadmisíbel, a rescisión dos servizos do SERGAS para todas e todos aqueles parados que leven máis dun ano nesta situación.

Pregúntome, como se pode ter a cara de dicirlle a aquela persoa que leva un ano sen poder traballar que non ten dereito a ir ó médico da mesma maneira que o fan aqueles que teñen a sorte de poder traballar; como se pode ter tanto morro señor Feijoo? 

Os medios sacaron á luz o caso de trinta persoas infectadas polo VIH en Galicia que perderan o dito dereito por levar máis dun ano parados, é dramático e reflicte o pouco tacto que ten o goberno do Partido Popular respecto da sociedade galega, dalle igual que morran 30 persoas, se esas 30 persoas non teñen cartos como para pagarse a súa sanidade.

Seguramente existan moitas persoas anónimas que atópense nesta situación mentres están a sufrir outras enfermidades graves, persoas que seguramente contribuíron durante o resto da súa vida á financiación da sanidade pública, e que agora, non so teñen que soportar a indesexable situación de estar en paro, se non que aínda por riba, o seu goberno, os atropela negándolles o acceso ó sistema sanitario PÚBLICO da mesma maneira que os demais.

Durante a redacción destas curtas liñas teño que conterme constantemente para non dicir o que de verdade gustaríame poder dicirlle ó señor Feijoo, pero hai unha cousa que é verdade e podo dicila con toda a tranquilidade do mundo. 

Señor Feijoo, non xogue coa vida das persoas, porque a xente non morre só por un mal tratamento, tamén morre por non recibir ese tratamento, e é vostede xunto coa Conselleira de Sanidade Mª Pilar Farjas Abadía (a cal preséntase na páxina web da consellería de sanidade da Xunta de Galicia como “a Conselleira de Sanidade de todos os galegos e galegas”) os causantes de que estas persoas non poidan recibir o tratamento da mesma maneira que o facían antes, converténdose en asasinos.

Sen máis, grazas polo voso tempo e perdoade que levara tanto tempo sen publicar. 

Saúde e república!

No hay comentarios: